Cazatesouros en eTwinning
Denomínanse cazatesouros web (on-line treasure hunts) ás actividades onde diferentes participantes seguen unha serie de pistas e visitan páxinas web ou sitios físicos co obxecto de resolver unha serie de adiviñas.
Se o grupo de alumnos consegue resolvelos recibe unha recompensa, na maior parte dos casos, simbólica. No ámbito da educación este tipo de actividades constitúe unha estratexia útil para que os alumnos:
- Recompilen información sobre un tema determinado.
- Integren coñecemento e acción e participen activamente na súa aprendizaxe.
- Fomenten hábitos de comprensión lectora.
- Desenvolvan destrezas dixitais en torno á busca e selección de material na Rede.
Crear un cazatesouros é unha actividade sinxela e básicamente consiste en elaborar un documento a modo de cuestionario sobre unha temática concreta e que se acompaña dun listado de enderezos web. A tarefa dos alumnos consiste en responder ás preguntas formuladas seleccionando información e investigando nos enlaces web proporcionados polo profesor seguido dunha reflexión final.
Pasos para elaborar un cazatesouros:
- Seleccionar o contido, idea ou concepto que queremos traballar.
- Buscar enlaces a páginas web e recursos que permitan ampliar e reforzar o contido.
- Elaborar un cuestionario que sirva de guía para a busca de respostas por parte do alumno. Acompañar de certos elementos lúdicos que motiven a realización do exercicio.
- Entregar unha folla de traballo que utilizarán os participantes para desenvolver a tarefa.
- Introdución. Preséntase a tarefa dunha forma amena e danse instrucións xerais referidas á súa realización. É moi importante identificar o tema, a área de traballo e establecer un tempo límite de realización.
- Preguntas. Propoñemos unha serie de cuestións ás que deberá dar resposta o alumno e guiarano durante o desenvolvemento da actividade. Como alternativa tamén podemos incluír exercicios do tipo de encher ocos, unir con frechas, exercicios de verdadeiro/falso. A formulación das preguntas debe fomentar o pensamento e a reflexión.
- Recursos. Consiste nun listado de enlaces web previamente seleccionado polo profesor de forma que a atención do alumno non se disperse e centre a súa investigación nun corpus informativo concreto. Debemos procurar sempre enlaces directos á información e un máximo de dez vínculos.
- A gran pregunta. Ó final da tarefa, formulamos ó alumno unha pregunta final cuxa resposta englobe dalgunha maneira todas as cuestións abordadas previamente e que implique certa reflexión pola súa parte. Esta parte é moi útil para o desenvolvemento de normas e actitudes (concienciación, implicacións persoais, etc.).
- Avaliación. Nesta parte explícase que e como avaliará o profesor unha vez rematada a actividade. Resulta moi enriquecedora a corrección grupal da actividade seguida dunha reflexión por parte de todos os participantes.
- Créditos. Proporciónase ó alumnado un listado de recursos (bibliográficos, imaxes, sons, textos) que non só foron usados polo profesor para o desenvolvemento da actividade senón que ademais poden axudar ó alumno a profundizar en certos contidos de forma autónoma.
No noso curso de formación eTwinning propoñemos os seguintes exemplos prácticos de cazatesouros. Atreveríaste a poñelos en práctica seguindo a estrutura para cazatesouros descrita?Anímate e envíanos a túa proposta a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo publicaremos como enlace desde este artigo as máis destacadas.
SUPOSTO 1
A CAZA DO TESOURO
Alguns historiadores afirman que hai un rico tesouro enterrado no castelo cátaro de Quéribus, ó sur de Francia. Un destes historiadores encargou a tarefa da súa localización a un grupo mixto de alumnos italo-español con residencia en Italia e España respectivamente. En breve, os estudantes vanse desprazar ata o lugar e previamente teñen que planear a viaxe ata a localidade máis próxima ó castelo e o traballo posterior no recinto amurallado.
As linguas de traballo desta misión decidena os participantes.
Ó final da misión, publicaranse e difundiranse os resultados e farase o Diario de Quéribus, no que se conte brevemente o desenvolvemento das xornadas de traballo.
Co fin de conseguir que a misión sexa un éxito (aínda que o tesouro non apareza), fai unha breve reflexión sobre as seguintes preguntas:
1.- ¿De que maneira te vas comunicar co socio italiano para organizar ós alumnos? ¿Que ferramenta(s) ides usar (correo, chat, skype, foro...)? A Sala de Profesores é un entorno privado e seguro e pode ser útil.
2.- ¿Que ferramenta(s) van utilizar os alumnos para comunicarse entre eles e organizar a expedición (blog, foro, chat, correo...? Teñen que buscar información sobre o itinerario da viaxe e o lugar de destino, sobre os cátaros e o ansiado tesouro, planificar o medio de transporte, a vestimenta que van levar, acordar que utensilios van levar de cada país...O Recanto do Alumno é un entorno adicado ós estudantes que lles pode ser de utilidade.
3.- O grupo de estudantes, ¿vai ter un alumno-administrador ou poderán xestionar os contidos e a información todos os alumnos?
4.- ¿Como e onde se van publicar as etapas da viaxe e as xornadas de traballo no castelo? ¿Galería de imaxes, blog, wiki...?
5.- A información dos lugareños é moi valiosa. ¿Vanos entrevistar os alumnos? ¿Como van utilizar a lingua local?
SUPOSTO 2
POLO NORTE 2012
É a madrugada do 21 de Decembro de 2012. Detectouse que unha tremenda chuvia de asteroides de pequeno tamaño comezará en poucas horas a caír sobre o polo Norte. A zona quedará totalmente bombardeada. Espéranse terremotos, incluso pode que algunha zona poboada poida ser vítima destes meteoritos. Pero este non é o risco maior. Os científicos afirman que se espera que o nivel do mar suba de maneira contundente, ata 100 metros de altura sobre o seu nivel actual: ¡hai que evacuar á poboación! Os gobernos europeos deciden encargar esta tarefa a un grupo de estudantes de secundaria de España, Italia e Dinamarca. En concreto, este grupo de estudantes expertos deben elaborar un informe para todas as nacións europeas onde figure: * O mapa de Europa que quedará trala subida do mar. * Unha lista con poboacións de máis de 500.000 habitantes que deben ser evacuadas. * Un plan de evacuación: ¿a onde debemos enviar ós habitantes destas poboacións? ¿que cidades poden acollelos? * Unha lista con especies animais protexidas que deban ser igualmente evacuadas para evitar a súa extinción, e a onde deben ser enviadas. * Unha lista con obxectos de arte (cadros, estatuas, etc.) que deban ser igualmente evacuadas. As preguntas que expoñemos sobre a realización deste suposto son:
1. ¿Como podería fomularse a maneira de traballar do noso alumnado co alumnado italiano e danés? (agrupamentos, medios para comunicarse, etc.).
2. Planifica unha serie de actividades en TwinSpace adaptadas a este proxecto e as ferramentas que se incluirían en cada unha.
3. ¿Podería facerse uso de alumnos administradores? ¿Que tarefas poderían realizar?
4. ¿Como se vai presentar o Informe que piden os gobernos europeos? (intenta incluír máis dunha resposta a esta pregunta, demostrando a variedade de ferramentas que poden ser utilizadas nun proxecto de eTwinning).
5. Elabora unha lista de obxectivos que poden ser alcanzados traballados neste proxecto. ¿ Ocórreseche algunha idea para melloralo?