Inicio / Ideas / Ferramentas TIC / Deseña os teus propios libros dixitais
.

Deseña os teus propios libros dixitais

28 
set 
2012  |  
 

 

librodigitalOs libros son considerados como o principal material de apoio á aprendizaxe do alumnado. O seu formato impreso tradicional está sendo substituído paulatinamente por materiais dixitais, deseñados e publicados tanto por editoriais como por particulares. Ambos tipos  posúen actualmente un gran potencial pedagóxico, aínda que son destacables aqueles que se distribúen de forma libre e gratuíta.

 

 

A Web 2.0 ofrece unha grande variedade de ferramentas que permiten a creación de libros dixitais e a súa posterior publicación na rede, co fin de compartilos e crear comunidades en torno a eles. Neste artigo repasamos algunha destas ferramentas, facendo especial fincapé en Myebook e a súa aplicación en proxectos eTwinning.

Myebook é unha das ferramentas gratuítas de publicación dixital máis completas da Web 2.0 porque permite ós usuarios visualizar, xestionar e crear libros dixitais, fundar e administrar comunidades en torno ás súas publicacións, organizar os seus contactos e grupos e invitar a amigos. Só hai que acceder á súa páxina web e rexistrarse dunha maneira sinxela. Unha vez rexistrados, os usuarios poderán xestionar desde a súa conta a creación de novos libros, a xestión das súas comunidades, as mensaxes ós seus contactos, etc. 

Myebook, do mesmo xeito que outras ferramentas online como Scribd, Issuu, Flipsnack, etc., permite crear un libro dixital desde un arquivo PDF. Tras configurar as opcións de publicación (título, descrición, idioma, categoría, privacidade, etc.), cargas o arquivo PDF que desexes e nuns segundos está convertido a libro dixital. Insertar a URL ou o código HTML que che proporciona a ferramenta  nunha páxina web  permitirache compartir a publicación con quen desexes.

pantalla_myebook

Porén, a verdadeira innovación desta ferramenta é que podes crear un libro dixital desde cero, con texto, imaxe, audio, vídeo e enlaces web. Para isto a ferramenta dispón de dous elementos fundamentais: o editor e o visor de libros dixitais. O editor é verdadeiramente intuitivo, como poderemos comprobar a medida que imos “trasteando” con el. Basicamente funciona “arrastrando e soltando”, é dicir, que unha vez se teñan cargado ou importado os arquivos, elixes o que necesites, arrástralo e sóltalo sobre o editor.  Ademais,  cando fas clik no recurso ou área que vaias utilizar dentro do editor, o panel de edición cambia, resaltando as opcións que ese recurso ou área che ofrece.

Comezar a crear o teu libro dixital con Myebook é doado. Elixe un título, fai unha descrición do seu contido, determina as etiquetas e selecciona a súa categoría temática. Ademais, podes elixir o número de páxinas -desde 4 ata 32- e utilizar os temas predeseñados ou partir de páxinas en branco. Sube arquivos de imaxe (jpg, jpeg, png, gif, bmp), audio (mp3, wma, wav, ogg), vídeo (avi, mpeg, wmv, mpg, mpe, flv, mov, 3gp) e outros (doc, pdf, txt, ods, odt, csv, rtf, xls, ppt, pps, dot, docx, dotx, pptx, xlsx, zip y swf). Accede ás túas contas de  Facebook, Flickr, 23, Bebo, Fotobucket e Picasa para engadir fotografías e a Youtube para insertar vídeos. O editor permíteche agregar ou eliminar páxinas, seleccionar cubertas que farán ás veces de tapas do libro e ata 4 tipos de formularios. Mediante a súa ferramenta “hotspot” podes insertar un enlace a unha URL ou a un email.

pantalla2_myebookCando teñas completo o teu libro, é o momento de empregar o visor. Nel poden escribirse comentarios acerca do libro dixital, facer capturas de pantalla, subscribirse, etc. Para compartir o  teu libro dixital, copia o código embed que che ofrece o visor no HTML do teu sitio web, enlázao mediante a URL ou difúndeo directamente en numerosas redes sociais.

En eTwinning atopamos numerosos exemplos de utilización  desta ferramenta versátil. No proxecto A short Latin Movie, Myebook  utilízase para elaborar un libro dixital que servirá de guía a todos os participantes e como medio de difusión das actividades realizadas. A través de textos e imaxes perfectamente maquetados e mediante seccións, atopamos información sobre os centros participantes, as cidades, a súa historia e patrimonio, tradicións, entrevistas, receitas de pratos típicos, sitios onde comprar, normas de comportamento, actividades, etc.

libro_digital_latinmovieNo proxecto The TO BE experience os alumnos escribiron poemas e debuxaron retratos dos personaxes da obra de Shakespeare, Hamlet, e plasmaronos nun libro dixital con Myebook. Desta manera compartiron cos seus socios a interpretación que cada un deles fai dunha das obras literarias máis famosas da cultura occidental.

Como un auténtico compendio de receitas concíbese o libro dixital creado polos alumnos do proxecto Colours, Sweeteners and Calories in Food Products. Trátase dun libro froito da aportación de todos os alumnos participantes no proxecto, que plasmaron receitas típicas dos seus países no seu idioma nativo ¡para que quede constancia da riqueza da cociña europea!

O produto final do proxecto Myth and math in the city foi un libro dixital creado con Myebook, resultado dun auténtico traballo colaborativo entre os alumnos dos dous centros socios: os alumnos inventan e escriben unha historia ficticia ambientada na Idade Media, á que se engaden fotografías e/ou debuxos. Cada parella escribe só o comezo da historia e é continuada por parellas do outro centro, engadindo un compoñente máxico para transformar a historia inicial nun mito.

Os alumnos participantes no proxecto Mediterranean products foron un paso máis alá, ó insertar audio no libro dixital creado. Trátase dun diccionario multilingüe colaborativo que inclúe o nome e a pronunciación de todos os produtos alimenticios mediterráneos nos distintos idiomas do proxecto. Ademais, os alumnos crean outro libro dixital no que se inclúen vídeos deles mesmos expoñendo adiviñas ós seus compañeiros socios.

libro_mediterranean

En Internet atopamos outras ferramentas que permiten crear libros dixitais, aínda que non son tan intuitivas como Myebook. Algunhas das que mencionamos a continuación pode que teñan un certo aspecto profesional pero, en todo caso, ofrecen versións gratuítas para o usuario.

ZooBurst presenta a peculiaridade de que os usuarios poden crear un libro dixital a partir dun mundo en 3D personalizado mediante gráficos do propio ordenador ou dunha base de datos con máis de 10.000 imaxes e materiais gratuítos.  Igual que Myebook, esta ferramenta permite compartir os libros creados co resto dos lectores mediante unha URL e un código HTML. Os usuarios poden tamén manter un foro para cada libro, proporcionando así un espazo no que poder interaccionar. Ademáis, os usuarios que teñan unha cámara instalada no ordenador poden experimentar un libro ZooBurst en Realidad Aumentada.

Con SoopBook pódense publicar capítulo a capítulo libros dixitais e compartilos con quen se desexe. De feito esta ferramenta ten un alto carácter colaborativo porque permite a escritura individual ou colectiva, pública ou privada. En canto te rexistras –de maneira totalmente gratuíta- dispós dun escritorio para poder crear as túas historias, unha comunidade para compartilas, facer amigos, etc.

A seguinte ferramenta -Vook- é un pouco diferente, pois con ela pódese crear un libro dixital desde cero, engadindo arquivos de texto, imaxe, audio e vídeo e incluso importar follas de estilo (CSS) pero a súa descarga efectúase en formato epub e mobi.

Non podemos deixar de mencionar algún exemplo de ferramentas destinadas á creación de álbumes dixitais de fotografías con texto. É especialmente interesante Mixbook, útil para personalizar álbumes de fotos, anuarios, postais, calendarios… A utilización do seu editor de  imaxes e a opción de compartir os libros dixitais na rede son opcións ambas gratuítas. Ademais é colaborativa porque permite crear un proxecto de maneira individual ou en grupo, con acceso online ó seu editor. Para rematar, Bookr permite crear libros dixitais con imaxes exclusivamente de Flikcr e logo compartilos mediante un código embed para ser insertado nun sitio web.

As posibilidades que este tipo de ferramentas -e os propios libros dixitais creados con elas- adáptanse a moi diversas actividades colaborativas características da acción eTwinning. Así que xa sabes... ¡anímate a introducir este tipo de ferramentas na aula e non deixes de compartir os resultados!

Fuente imagen: Imagen superior izquierda - fotomontaje sobre una imagen de Félix Vallés Calvo, del Banco de Imágenes y Sonidos del INTEF ((licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 3.0 España).

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Contacto Boletín mensual Lo más leído
TwitterFacebooke-mail Podes contactar con nós a través de Facebook, Twitter ou por correo electrónico

boletin_noticias_49x49

¿Desexas recibir información sobre campañas, cursos, proxectos? Subscríbete ó noso boletín mensual e recibirás no teu correo electrónico todas as novidades.

Servicio Nacional de Apoyo eTwinning | Proyectos de Colaboración Escolar en Europa
Instituto Nacional de Tecnologías Educativas y de Formación del Profesorado | Ministerio de Educación, Cultura y Deporte
C/ Torrelaguna 58. 1ª planta, despacho 141. 28027 - Madrid
Tel: 913778377 | Contactar